Jennifer Doudna (especialista estadounidense en bioquímica) e Emmanuelle Charpentier (especialista francesa en xenómica), foron galardonadas co premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica.
Doudna e Charpentier recibiron o recoñecemento pola súa contribución ao avance da enxeñaría xenética. En concreto, estas investigadoras desenvolveron un método, o CRISPR-Cas9, que permite editar o ADN. É dicir, fai posible retirar e engadir material xenético “cando se desee” -como un ‘corta e pega’. A técnica empregouse xa no ámbito do cancro para reducir a sensibilidade contra a quimioterapia.
A posibilidade de manipular a información xenética, descuberta fai apenas uns anos, abre a porta a cambiar radicalmente o tratamento e a investigación dun gran número de enfermidades e xa recibiu varios galardóns precisamente porque se considera un dos principais achados na última década da biomediciña.
Doudna é profesora na Universidade de Californa en Berkeley e dirixe o seu propio laboratorio no Howard Hughes Medical Institute (EUA). Por outro lado, Charpentier está á fronte dun equipo de investigadores na Universidade de Umea (Suecia) e no Centro Helmholtz para a Investigación de Infeccións (Alemaña). Ambas as dúas desenvolveron a técnica CRISPR-Cas9 inspirándose nun mecanismo do sistema inmune das bacterias grazas ó cal son capaces de detectar e cortar secuencias xenéticas infectadas por un virus e bloquear a súa acción substituíndo ese material xenético por outro que non estea danado.
O galardón consiste nunha escultura deseñada por Joan Miró ademais de 50.000 euros en metálico, un diploma e unha insignia.
O pasado ano recibiron este recoñecemento o químico valenciano Avelino Corma e os estadounidenses Mark E. Davis e Galen D. Stucky pola súa contribución ao desenvolvemento de novos materiais, que permitiron reducir as emisións contaminantes, crear novos fármacos ou mellorar alimentos.
Estes galardón significan que a biomediciña avanza cada día un poquiño máis, como as formigas, pasiño a pasiño. Esperemos que este camiño nunca deixe de avanzar e poidamos seguir investigando e creando novos fármacos para erradicar enfermidades ata o de agora sen cura aparente.